PALABRAS QUE ABRAZAN
FÓRMULAS E SAÚDOS DE CORTESÍA
O GRAN MOSAICO DAS LINGUAS
A continuación, lede o seguinte texto: 📄
O gran mosaico das linguas
Aínda que a cifra pode variar dependendo do catálogo que consultemos, acostúmase admitir que, na actualidade, se falan no noso planeta arredor dunhas 7.000 linguas. Con todo, non todas elas teñen unha extensión xeográfica idéntica, nin posúen igual número de falantes. A modo de exemplo pódese citar Europa, un continente que posúe pouca diversidade lingüística pois as súas 250 linguas nativas apenas supoñen o 4% do total das linguas do mundo.
Unha lingua nativa é aquela que se orixinou nun territorio concreto como resultado dun longo proceso evolutivo e que unha comunidade de falantes leva utilizando desde hai séculos nas súas interaccións cotiás.
Aínda que a existencia de miles de linguas se interpretou a miúdo por moitas persoas como un feito asombroso, o certo é que o bilingüismo social está presente na case totalidade dos 197 países que a Organización das Nacións Unidas recoñece.
A denominación bilingüismo social refírese a aqueles territorios onde coexisten historicamente dúas (ou máis) linguas e unha porcentaxe elevada da poboación as usa indistintamente.
Un claro exemplo de bilingüismo social atópase na Unión Europea (UE), organización formada por 27 Estados e cuxas institucións teñen 24 linguas oficiais e de traballo. Pero paralelamente, nos países que integran a UE fálanse ademais outras 50 linguas nativas, algunhas das cales teñen centenas de miles ou incluso millóns de falantes.
No Estado español, país integrante da UE desde 1986, case o 40% dos seus habitantes vive en territorios bilingües e arredor dun 20% usa cotiamente a lingua propia do seu territorio, diferente ao castelán, nas súas actividades diarias. Non se inclúen nas anteriores porcentaxes as máis de 200 linguas que, en calquera gran cidade, emprega a poboación inmigrante diariamente con familiares e compatriotas.
A Constitución española de 1978 establece que «o castelán é a lingua española oficial do Estado» e que «todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala». Segundo a mesma Constitución, as demais linguas son un patrimonio que debe ser obxecto de especial respecto e protección.
Na actualidade, algunhas delas posúen a condición de oficiais, se así se recolle no estatuto de autonomía da comunidade na que se fala. Estes son os casos do aranés en Cataluña; o catalán, en Cataluña, nas Illas Baleares e na Comunidade Valenciana onde se denomina valenciano; o euskera, no País Vasco e nunha franxa xeográfica concreta da Comunidade Foral de Navarra; e o galego, en Galicia.
Ademais do nome de linguas propias, estas linguas distintas do castelán adoitan recibir tamén o nome de linguas minoritarias, que fai referencia unicamente ao número de falantes, en lugar do termo máis apropiado de linguas minorizadas, que alude ao lugar que ocupa un grupo lingüístico concreto dentro da estrutura política, institucional e social na que está integrado.
Aínda que polo de agora non posúen o rango de oficiais, existen outras linguas propias distintas ás mencionadas no Estado español. Algúns exemplos son o caló, lingua non territorial do pobo xitano desde a súa chegada á Península Ibérica no século XV, a fala (en Estremadura), o amazigh (en Melilla), ou o darija (en Ceuta).
As linguas do Estado español distintas do castelán son hoxe, na maioría dos casos, un instrumento vivo e útil de comunicación para millóns de cidadáns e cidadás.